sábado, 7 de febrero de 2009

FORUM ORIENTA 2009


Alumnado galego de bacharelato e Formación Profesional, profesorado, orientadores e pais e nais, poderán achegarse en A Coruña á oferta do ensino superior en Galicia no Forum Orienta 2009, que se celebrará desde o vindeiro mércores 11 de febreiro ao sábado 14 nas instalacións de EXPOCoruña, de 10,00 a 20,00 horas. Esta mostra, que se celebra por terceiro ano consecutivo, ten como obxectivo achegar aos visitantes toda a información sobre a oferta formativa das universidades, a Formación Profesional e as ensinanzas artísticas na Comunidade galega.

Así, os estudantes, docentes e familias que asistan ao Forum Orienta poderán informarse sobre as novas titulacións de grao e posgrao e as novidades na Formación Profesional; así como sobre as liñas de bolsas, axudas e premios; residencias; relacións formativas entre os ciclos de grao superior e a universidade; probas de acceso á universidade e acceso a ciclos formativos; estadías formativas no estranxeiro,etc.

Do mesmo xeito, o Forum Orienta tamén lles posibilitará coñecer as ensinanzas máis demandadas polos sectores produtivos de Galicia, as características do Espazo Europeo de Educación Superior, a vida nos campus universitarios e as oportunidades dos titulados de FP no mundo laboral, como emprendedores e traballadores.

MÁIS DE 11.000 METROS CADRADOS DE EXPOSITORES
Toda a oferta formativa da ensinanza superior mostrarase nos expositores da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; das familias profesionais e ensinanzas especiais; da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG); da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; do Instituto Galego de Consumo; da Consellería de Innovación e Industria; e da Xefatura de Tráfico de A Coruña.

En total, o Forum Orienta disporá de máis de 11.000 metros cadrados de exposición, que albergarán unhas 50 actividades permanentes cada xornada, como demostracións de actividades dos distintos centros e titulacións das universidades galegas, xogos e concursos, mostras, e atención personalizada para atender as dúbidas dos estudantes. Ademais, os visitantes poderán participar cada día nun amplo abano de actividades, que comprenden desde obradoiros de fabricación de ferramentas paleolíticas ao coñecemento das aplicación da nanotecnoloxía, ademais de charlas de robótica, concertos de jazz, demostracións dos estudantes da Escola Superior de Arte Dramática, experimentos científicos, etc.

O acceso a esta feira das ensinanzas superiores é libre e gratuíto. De momento, ao redor de 15.000 alumnos duns 200 centros educativos galegos están xa inscritos para visitar as instalacións do Forum, pero estímase superar as 20.000 visitas.
PASEO POLA RÍA COS ALUMNOS DA ETS DE NÁUTICA E MÁQUINAS
As actividades do Forum Orienta 2009 non se limitarán ás instalacións de EXPOCoruña, xa que os asistentes tamén poderán coñecer as vantaxes de estudar na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña, a bordo do Marineda e o Breogán, os barcos de prácticas dos alumnos deste centro, que estarán atracados no peirao do Náutico da Coruña. Esta actividade, dirixida por alumnos e profesores da Escola, permitirá aos estudantes interesados neste sector profesional conversar cos alumnos universitarios sobre as titulacións que se imparten neste centro, as súas experiencias académicas e perspectivas de traballo, e coñecer as partes e funcionamento dos barcos.
CLIMÁNTICA
O proxecto de educación ambiental Climántica, elaborado polas Consellerías de Educación e de Medio Ambiento, en colaboración con MeteoGalicia, terá tamén unha presenza destacada no Forum Orienta 2009, cun stand propio e distintas actividades. Así, o Forum Orienta acollerá a presentación do libro A treboada de C, a primeira novela da colección Contos Climánticos. Ademais, realizaranse xogos sobre consumo enerxético, dinámicas de grupo sobre cambio climático, e un concurso a través de actividades dixitais e videoxogos.

O Forum acollerá así mesmo o acto de entrega dos premios Fin de Carreira de Galicia aos alumnos con mellores expedientes nas universidades galegas.

Ademais, de mércores a sábado GADISA sorteará un lote de produtos tecnolóxicos entre os centros educativos asistentes, e de mércores e venres, a Universidade de A Coruña sorteará un portátil entre todos os alumnos que cubran un cuestionario no seu stand.

O Forum Orienta 2009 está organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e das Consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Innovación e Industria; ademais do Instituto Galego de Consumo e a Xefatura de Tráfico de A Coruña.



Programa do Forum Orienta 2009.


Información tomada de Xornal Galicia . com

viernes, 6 de febrero de 2009

PRÉSTAMO RENDA UNIVERSIDADE 08/09



Queres cursar un máster e precisas un préstamo?



O Instituto de Crédito Oficial (ICO), en colaboración co Ministerio de Innovación e Ciencia e con Banca March, Caja General de Ahorros de Canarias, Caja de Ahorros Insular de Canarias, Caja Castilla la Mancha, Santander Central Hispano e Cajamar, convocan préstamos para cursar másteres universitarios.

Condicións:

  • Os clientes da Línea deben ser de nacionalidade española ou dun país membro da Unión Europea e ser residentes en España durante os últimos catro anos inmediatamente anteriores á data de solicitude.
  • O importe máximo de financiación por cliente será o que aprobe o MICIN, e nunca superará os seguintes importes:
  1. 6.000 € como desenbolso inicial para másteres de 1 ano.
  2. Segundo pago de 6.000€ para másteres dunha duración superior a un ano académico.
  3. Suplemento de 6000€ para másteres que se realicen no estranxeiro.
  4. Renda mensual adicional de 800 €/mes dende o mes de matrícula ate o mes de obtención do título (máximo 21 mensualidades).
  • O prazo de amortización é de 20 anos.
  • O prazo de carencia é de 5 anos, puidendo ser aumentado se no último mes do período de carencia o cliente non acadase o umbral de base impoñible xeral e de aforro/IRPF de 22.000 €/ano (ou o mínimo exento que estea en vigor nesa data).
  • O tipo de interese é 0% TAE.
  • As entidades de crédito non poden cobrar comisións, nin a cancelación anticipada voluntaria.
  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xullo de 2009.
  • A data límite para a formalización das operacións coa Entidade de Crédito colaboradota remata o 31 de outubro de 2009.

Máis información.

Os nosos graos!

As memorias dos Graos de Educación Social e de Pedagoxía están en trámite, ao igual que o Máster de Formación de Profesorado de Secundaria.

BORRADOR DO ESTATUTO DO ESTUDANTADO

O pasado 23 de xaneiro Cristina Garmendia, Ministra de Innovación y Ciencia, e Márius Rubiralta, secretario de Estado de Universidades, presentaron á Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Universidades Públicas, á Federación de Asociaciones de Estudiantes Progresistas de España "Giner de los Ríos", á Confederación Estatal de Asociaciones de Estudiantes e ao Sindicato de Estudiantes o borrador do Estatuto do Estudante Universitario.

Neste, anúnciase a creación dun Consejo de Estudiantes Universitarios, un novo sistema de concesión de bolsas, medidas para compaxinar estudos e traballo e o impulso de iniciativas para a Converxencia Europea. A Ministra desmentiu que a introdución de préstamos - renda destinados a estudantes fose a provocar unha disminución da cuantía orzamentaria para bolsas, tal e como algúns colectivos Anti-Bolonia se tiñan manifestado.

É o noso turno para estudar o documento presentado!

ENCONTRO CO ESTUDANTADO DO SUG


A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) convocou un encontro co estudantado das tres universidades galegas.

O obxectivo é achegar aos estudantes do SUG a nova realidade froito do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e reafirmar o importante papel que ha de xogar o estudantado na súa construción e na garantía da calidade.

O encontro dirixido aos representantes de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia, así coma aos estudantes interesados en participar nos procesos de avaliación da calidade das universidades, terá lugar o vindeiro 5 de marzo na sede do ACSUG en Santiago de Compostela.

A construción da nosa universidade é papel de todos. Participa!

O prazo de inscrición remata o 20 de febreiro. Máis información.

DUBIDAS SOBRE O EEES?


O Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ten o seu propio espazo na páxina web da USC.

Baixo a benvida e a caixa de correo do Reitor, poderás atopar un recadro con información e preguntas frecuentes sobre o EEES, así coma un enlace para realizar a túa propia consulta.

viernes, 14 de noviembre de 2008

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

Dende o pasado día 11, e ate o mércores 19 de novembro está aberto o prazo de presentación de candidaturas para cubrir as prazas de representación estudantil na Xunta de Facultade.

Animámosvos a presentarvos!

CAFES CONCERTO NA FACULTADE

Onte pechouse o ciclo de cafés-concerto organizado pola Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Todo un éxito!

Desta ocasión na facultade do Campus Norte estiveron "AS DE COPAS" (After Rock), "AUREOURA" (Folk), "MORGAN CITY" (Pop Rock acústico), "CHISPA LATINA" (Música latina), "WILLIAM SIN MI" (Pop Rock), "XABIER PIÑEIRO" (Cantautor) e "STEVEN SEAGAL'S BIG BAND" (Rock & Jazz).

Esperemos podelo repetir pronto, quizais máis días e con máis grupos!!!

jueves, 13 de noviembre de 2008

APEGA, de Asociación a Colexio

Nestes momentos APEGA (Asociación Profesional de Pedagogos/as de Galicia) atópase en pleno proceso de tranformación da Asociación en Colexio, polo que precísase a colaboración de todos Pedagogos/as, tanto egresados como en fase de formación, en beneficio de todos.


Convídase aos titulados en Pedagoxía a formar parte da Asociación en calidade de Socios (no propio sitio web tedes información para formalizar o proceso). O feito de ser socios ten moitas avantaxes (información sobre actividades de formación, ofertas de emprego e procesos de selección á función pública, colaboración coa Asociación en actividades de I+D, etc.).

Aqueles que aínda estades en etapa de formación, futuros Pedagogos/as, podedes solicitar a vosa inscrición gratuitamente, coas mesmas avantaxes e dereitos dos socios e, no momento, que teñades o Grado de Licenciado podedes convertirvos, automáticamente, en socios.

martes, 28 de octubre de 2008

EEES, Bolonia, Graos... dubidas?

Sabes o que significa EEES?
Sabes coma te vai afectar iso ao que chaman Plan Bolonia?
Sabes o que vai pasar coa túa titulación?
Queres saber se vas a poder traballar do que estudaches?
Queres continuar estudos e non sabes para onde tirar?
Estás en 2º ou 3º de carreira e non sabes se te vai coller?

Esas e moitas outras preguntas que teñamos atoparan resposta os vindeiros luns 10 de novembro ás 16h no Campus Norte e martes 11 de novembro ás 16h no Campus Sur.

O equipo decanal da nosa facultade convoca para esas datas unha reunión co alumnado para resolver as dúbidas e explicar o proceso dos Graos de Mestre en Educación Infantil e Primaria (10 de novembro) e dos Graos de Pedagoxía e Educación Social (11 de novembro).

Podes deixar as túas preguntas na caixa situada xunto ao tablón informativo semanal (campus sur).


VÉMONOS!