
Alumnado galego de bacharelato e Formación Profesional, profesorado, orientadores e pais e nais, poderán achegarse en A Coruña á oferta do ensino superior en Galicia no Forum Orienta 2009, que se celebrará desde o vindeiro mércores 11 de febreiro ao sábado 14 nas instalacións de EXPOCoruña, de 10,00 a 20,00 horas. Esta mostra, que se celebra por terceiro ano consecutivo, ten como obxectivo achegar aos visitantes toda a información sobre a oferta formativa das universidades, a Formación Profesional e as ensinanzas artísticas na Comunidade galega.
Así, os estudantes, docentes e familias que asistan ao Forum Orienta poderán informarse sobre as novas titulacións de grao e posgrao e as novidades na Formación Profesional; así como sobre as liñas de bolsas, axudas e premios; residencias; relacións formativas entre os ciclos de grao superior e a universidade; probas de acceso á universidade e acceso a ciclos formativos; estadías formativas no estranxeiro,etc.
Do mesmo xeito, o Forum Orienta tamén lles posibilitará coñecer as ensinanzas máis demandadas polos sectores produtivos de Galicia, as características do Espazo Europeo de Educación Superior, a vida nos campus universitarios e as oportunidades dos titulados de FP no mundo laboral, como emprendedores e traballadores.
MÁIS DE 11.000 METROS CADRADOS DE EXPOSITORES
Toda a oferta formativa da ensinanza superior mostrarase nos expositores da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; das familias profesionais e ensinanzas especiais; da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG); da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; do Instituto Galego de Consumo; da Consellería de Innovación e Industria; e da Xefatura de Tráfico de A Coruña.
En total, o Forum Orienta disporá de máis de 11.000 metros cadrados de exposición, que albergarán unhas 50 actividades permanentes cada xornada, como demostracións de actividades dos distintos centros e titulacións das universidades galegas, xogos e concursos, mostras, e atención personalizada para atender as dúbidas dos estudantes. Ademais, os visitantes poderán participar cada día nun amplo abano de actividades, que comprenden desde obradoiros de fabricación de ferramentas paleolíticas ao coñecemento das aplicación da nanotecnoloxía, ademais de charlas de robótica, concertos de jazz, demostracións dos estudantes da Escola Superior de Arte Dramática, experimentos científicos, etc.
O acceso a esta feira das ensinanzas superiores é libre e gratuíto. De momento, ao redor de 15.000 alumnos duns 200 centros educativos galegos están xa inscritos para visitar as instalacións do Forum, pero estímase superar as 20.000 visitas.
PASEO POLA RÍA COS ALUMNOS DA ETS DE NÁUTICA E MÁQUINAS
As actividades do Forum Orienta 2009 non se limitarán ás instalacións de EXPOCoruña, xa que os asistentes tamén poderán coñecer as vantaxes de estudar na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña, a bordo do Marineda e o Breogán, os barcos de prácticas dos alumnos deste centro, que estarán atracados no peirao do Náutico da Coruña. Esta actividade, dirixida por alumnos e profesores da Escola, permitirá aos estudantes interesados neste sector profesional conversar cos alumnos universitarios sobre as titulacións que se imparten neste centro, as súas experiencias académicas e perspectivas de traballo, e coñecer as partes e funcionamento dos barcos.
CLIMÁNTICA
O proxecto de educación ambiental Climántica, elaborado polas Consellerías de Educación e de Medio Ambiento, en colaboración con MeteoGalicia, terá tamén unha presenza destacada no Forum Orienta 2009, cun stand propio e distintas actividades. Así, o Forum Orienta acollerá a presentación do libro A treboada de C, a primeira novela da colección Contos Climánticos. Ademais, realizaranse xogos sobre consumo enerxético, dinámicas de grupo sobre cambio climático, e un concurso a través de actividades dixitais e videoxogos.
O Forum acollerá así mesmo o acto de entrega dos premios Fin de Carreira de Galicia aos alumnos con mellores expedientes nas universidades galegas.
Ademais, de mércores a sábado GADISA sorteará un lote de produtos tecnolóxicos entre os centros educativos asistentes, e de mércores e venres, a Universidade de A Coruña sorteará un portátil entre todos os alumnos que cubran un cuestionario no seu stand.
O Forum Orienta 2009 está organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e das Consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Innovación e Industria; ademais do Instituto Galego de Consumo e a Xefatura de Tráfico de A Coruña.
Programa do Forum Orienta 2009.
Información tomada de Xornal Galicia . com



