
Alumnado galego de bacharelato e Formación Profesional, profesorado,  orientadores e pais e nais, poderán achegarse en A Coruña á oferta do ensino  superior en Galicia no Forum Orienta 2009, que se celebrará desde o vindeiro  mércores 11 de febreiro ao sábado 14 nas instalacións de EXPOCoruña, de 10,00 a  20,00 horas. Esta mostra, que se celebra por terceiro ano consecutivo, ten como  obxectivo achegar aos visitantes toda a información sobre a oferta formativa das  universidades, a Formación Profesional e as ensinanzas artísticas na Comunidade  galega.
Así, os estudantes, docentes e familias que asistan ao Forum  Orienta poderán informarse sobre as novas titulacións de grao e posgrao e as  novidades na Formación Profesional; así como sobre as liñas de bolsas, axudas e  premios; residencias; relacións formativas entre os ciclos de grao superior e a  universidade; probas de acceso á universidade e acceso a ciclos formativos;  estadías formativas no estranxeiro,etc.
Do mesmo xeito, o Forum Orienta  tamén lles posibilitará coñecer as ensinanzas máis demandadas polos sectores  produtivos de Galicia, as características do Espazo Europeo de Educación  Superior, a vida nos campus universitarios e as oportunidades dos titulados de  FP no mundo laboral, como emprendedores e traballadores.
MÁIS DE 11.000 METROS CADRADOS DE EXPOSITORES
Toda a oferta formativa da ensinanza superior  mostrarase nos expositores da Consellería de Educación e Ordenación  Universitaria; das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; das  familias profesionais e ensinanzas especiais; da Comisión Interuniversitaria de  Galicia (CIUG); da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; do  Instituto Galego de Consumo; da Consellería de Innovación e Industria; e da  Xefatura de Tráfico de A Coruña.
En total, o Forum Orienta disporá de  máis de 11.000 metros cadrados de exposición, que albergarán unhas 50  actividades permanentes cada xornada, como demostracións de actividades dos  distintos centros e titulacións das universidades galegas, xogos e concursos,  mostras, e atención personalizada para atender as dúbidas dos estudantes.  Ademais, os visitantes poderán participar cada día nun amplo abano de  actividades, que comprenden desde obradoiros de fabricación de ferramentas  paleolíticas ao coñecemento das aplicación da nanotecnoloxía, ademais de charlas  de robótica, concertos de jazz, demostracións dos estudantes da Escola Superior  de Arte Dramática, experimentos científicos, etc.
O acceso a esta feira  das ensinanzas superiores é libre e gratuíto. De momento, ao redor de 15.000  alumnos duns 200 centros educativos galegos están xa inscritos para visitar as  instalacións do Forum, pero estímase superar as 20.000 visitas.
PASEO POLA RÍA COS ALUMNOS DA ETS DE NÁUTICA E MÁQUINAS
As actividades do Forum  Orienta 2009 non se limitarán ás instalacións de EXPOCoruña, xa que os  asistentes tamén poderán coñecer as vantaxes de estudar na Escola Técnica  Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña, a bordo do Marineda  e o Breogán, os barcos de prácticas dos alumnos deste centro, que estarán  atracados no peirao do Náutico da Coruña. Esta actividade, dirixida por alumnos  e profesores da Escola, permitirá aos estudantes interesados neste sector  profesional conversar cos alumnos universitarios sobre as titulacións que se  imparten neste centro, as súas experiencias académicas e perspectivas de  traballo, e coñecer as partes e funcionamento dos barcos.
CLIMÁNTICA
O proxecto de educación ambiental Climántica, elaborado polas  Consellerías de Educación e de Medio Ambiento, en colaboración con MeteoGalicia,  terá tamén unha presenza destacada no Forum Orienta 2009, cun stand propio e  distintas actividades. Así, o Forum Orienta acollerá a presentación do libro A  treboada de C, a primeira novela da colección Contos Climánticos. Ademais,  realizaranse xogos sobre consumo enerxético, dinámicas de grupo sobre cambio  climático, e un concurso a través de actividades dixitais e videoxogos.
O  Forum acollerá así mesmo o acto de entrega dos premios Fin de Carreira de  Galicia aos alumnos con mellores expedientes nas universidades  galegas.
Ademais, de mércores a sábado GADISA sorteará un lote de  produtos tecnolóxicos entre os centros educativos asistentes, e de mércores e  venres, a Universidade de A Coruña sorteará un portátil entre todos os alumnos  que cubran un cuestionario no seu stand.
O Forum Orienta 2009 está  organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa  colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da  Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e das Consellerías de Medio  Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Innovación e Industria; ademais do  Instituto Galego de Consumo e a Xefatura de Tráfico de A Coruña.
Programa do Forum Orienta 2009.
Información tomada de Xornal Galicia . com
sábado, 7 de febrero de 2009
FORUM ORIENTA 2009
Publicado por Representantes en 15:09 28 comentarios
Etiquetas: bolsas e axudas, congresos e conferencias, EEES
viernes, 6 de febrero de 2009
PRÉSTAMO RENDA UNIVERSIDADE 08/09

Queres cursar un máster e precisas un préstamo?
O Instituto de Crédito Oficial (ICO), en colaboración co Ministerio de Innovación e Ciencia e con Banca March, Caja General de Ahorros de Canarias, Caja de Ahorros Insular de Canarias, Caja Castilla la Mancha, Santander Central Hispano e Cajamar, convocan préstamos para cursar másteres universitarios.
Condicións:
- Os clientes da Línea deben ser de nacionalidade española ou dun país membro da Unión Europea e ser residentes en España durante os últimos catro anos inmediatamente anteriores á data de solicitude.
 - O importe máximo de financiación por cliente será o que aprobe o MICIN, e nunca superará os seguintes importes:
 
- 6.000 € como desenbolso inicial para másteres de 1 ano.
 - Segundo pago de 6.000€ para másteres dunha duración superior a un ano académico.
 - Suplemento de 6000€ para másteres que se realicen no estranxeiro.
 - Renda mensual adicional de 800 €/mes dende o mes de matrícula ate o mes de obtención do título (máximo 21 mensualidades).
 
- O prazo de amortización é de 20 anos.
 - O prazo de carencia é de 5 anos, puidendo ser aumentado se no último mes do período de carencia o cliente non acadase o umbral de base impoñible xeral e de aforro/IRPF de 22.000 €/ano (ou o mínimo exento que estea en vigor nesa data).
 - O tipo de interese é 0% TAE.
 - As entidades de crédito non poden cobrar comisións, nin a cancelación anticipada voluntaria.
 - O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xullo de 2009.
 - A data límite para a formalización das operacións coa Entidade de Crédito colaboradota remata o 31 de outubro de 2009.
 
Máis información.
Publicado por Representantes en 13:16 0 comentarios
Etiquetas: bolsas e axudas
Os nosos graos!
As memorias dos Graos de Educación Social e de Pedagoxía están en trámite, ao igual que o Máster de Formación de Profesorado de Secundaria.
Publicado por Representantes en 13:11 0 comentarios
Etiquetas: comisións e Xunta de Facultade, EEES
BORRADOR DO ESTATUTO DO ESTUDANTADO
O pasado 23 de xaneiro Cristina Garmendia, Ministra de Innovación y Ciencia, e Márius Rubiralta, secretario de Estado de Universidades, presentaron á Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Universidades Públicas, á Federación de Asociaciones de Estudiantes Progresistas de España "Giner de los Ríos", á Confederación Estatal de Asociaciones de Estudiantes e ao Sindicato de Estudiantes o borrador do Estatuto do Estudante Universitario.
Neste, anúnciase a creación dun Consejo de Estudiantes Universitarios, un novo sistema de concesión de bolsas, medidas para compaxinar estudos e traballo e o impulso de iniciativas para a Converxencia Europea. A Ministra desmentiu que a introdución de préstamos - renda destinados a estudantes fose a provocar unha disminución da cuantía orzamentaria para bolsas, tal e como algúns colectivos Anti-Bolonia se tiñan manifestado.
É o noso turno para estudar o documento presentado!
Publicado por Representantes en 12:49 0 comentarios
Etiquetas: EEES, participación
ENCONTRO CO ESTUDANTADO DO SUG

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) convocou un encontro co estudantado das tres universidades galegas.
O obxectivo é achegar aos estudantes do SUG a nova realidade froito do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e reafirmar o importante papel que ha de xogar o estudantado na súa construción e na garantía da calidade.
O encontro dirixido aos representantes de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia, así coma aos estudantes interesados en participar nos procesos de avaliación da calidade das universidades, terá lugar o vindeiro 5 de marzo na sede do ACSUG en Santiago de Compostela.
A construción da nosa universidade é papel de todos. Participa!
O prazo de inscrición remata o 20 de febreiro. Máis información.
Publicado por Representantes en 12:09 0 comentarios
Etiquetas: EEES, participación
DUBIDAS SOBRE O EEES?

O Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ten o seu propio espazo na páxina web da USC.
Baixo a benvida e a caixa de correo do Reitor, poderás atopar un recadro con información e preguntas frecuentes sobre o EEES, así coma un enlace para realizar a túa propia consulta.
Publicado por Representantes en 11:58 0 comentarios
Etiquetas: EEES





