martes, 6 de mayo de 2008

BOLSAS RAI

Estimados/as alumnos/as delegados/as de aula e representantes de estudiantes:

Dirixímonos a vós, como responsables das Aulas RAI da Facultade no Campus Norte e Sur, para solicitar a vosa colaboración de cara a informar aos vosos/as compañeiros/as da Convocatoria Xeral de Bolsas de Apoio para as aulas de Informática dos Centros para o curso académico 2008-2009.

Trataríase de informar das características da bolsa, os seus requisitos, o procedemento para solicitala, as datas, a súa duración, contía e indicarlles que para calquera consulta poden poñerse en contacto connosco, co responsable da Rede de Aulas de Informática da USC (Quico Hortas) ou a través da páxina WEB: http://www.usc.es/atic/rai.

Pasamos agora a detallarvos a información que consideramos de interese:
Finalidade da Bolsa: Dotar de prazas de bolseiros/as á Aula de Informática do centro. Esta convocatoria servirá para cubrir as vacantes que xurdan para o curso académico 2008-2009; así como as novas bolsas que se puideran crear neste período.
Requisitos académicos dos/as solicitantes: Estar matriculado/a no presente curso académicos 2007-2008 como alumno/a de 1º ou 2º Ciclo da USC.

Selección dos candidatos/as: Cada bolsa está adscrita a un centro determinado. A dirección do centro nomeará unha comisión para realizar a valoración dos méritos aportados por cada candidatura que, xunto coa puntuación dunha proba práctica realizada pola ÁREA TIC, única para a totalidade dos/as solicitantes, constituirá o baremo de elaboración da listaxe de aspirantes de cada centro.

Procedemento para solicitar a bolsa: As bolsas poderán solicitarse para calquera centro da USC, deberase cubrir unha solicitude e aportar a documentación correspondente para cada un dos centros nos que se desexe optar a unha Bolsa de Apoio. O modelo de Solicitude da Bolsa, procedemento para cubrila e documentación que se debe presentar atópanse na páxina web: http://ww.usc.es/atic/rai así como toda a información desta convocatoria.
Prazo e lugar de presentación das solicitudes e documentación: do 5 de maio ao 16 de maio de 2008 na secretaría do centro para que se solicita a bolsa, e dirixida ao decano do centro.
Dedicación e duración da Bolsa: 15 horas semanais de outubro a xuño, prorrogables ata 4 cursos académicos.

Contía da Bolsa: 2.268 euros brutos por curso académico distribuidos en 9 mensualidades de 252 euros.

Proba práctica, lugar e hora: Consistirá nun test de tipo técnico sobre distintos aspectos básicos (windows, linux, comunicacións, ofimática, servizos da rede...). Esta proba será única para a totalidade dos solicitantes. Será o vernes 23 de maio ás 16 horas na Aula “A” da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Agradecemos de antemán a vosa colaboración e esperamos que esta información vos interese de cara á vosa formación e a dos vosos/as compañeiros/as. Reiterando que para calquera aclaración sobre dita convocatoria estamos a vosa enteira disposición.
Sen outro particular recibide un saúdo dos Responsables das aulas RAI na Facultade no Campus Norte e Sur.

Eulogio Pernas Morado e Elisa Teresa Zamora Rodríguez.

Santiago de Compostela a 30 de abril de 2008.

0 comentarios: